Historia de Galiza e España: Conceptos Clave Temas 1-12

Gaztelania32,73 KB

Tema 1

Economía predadora: tipo de actividade humana na que se obteñen e consumen os recursos da natureza sen xerar produción. É característica das sociedades paleolíticas ou prexrícolas nómades ou seminómades, nas que a recolección de froitos silvestres, a caza, a pesca e o marisqueo son as actividades que permiten ao grupo obter os alimentos e os recursos para o vestido e a construción das vivendas.

Megalitismo: literalmente significa «grandes pedras» (do grego «mega», grande, e «litos», pedra), termo que fai alusión ás construcións arquitectónicas formadas por grandes pedras chamadas megálitos. Os tipos básicos son: o menhir ou pedrafita (un monólito fincado verticalmente no chan), o cromlech (menhires formando un círculo) e o dolmen ou anta (sepulcros formados por unha cámara que pode estar precedida dun corredor). Corresponden a unha ampla cronoloxía que vai desde finais do Neolítico ata a Idade do Bronce.

Castro: poboado fortificado (murallas, parapetos, terrapléns, foxos) prerromano no que se asentaron poboacións indíxenas na Meseta norte e no noroeste peninsular, onde dá nome á cultura castrexa. Son moi numerosos os conservados na actual Galiza, caracterizados pola súa planta redondeada e un urbanismo irregular no que as construcións, especialmente as vivendas, teñen tamén formas redondeadas. Os castros poden ocupar cumes de outeiros, ladeiras de montañas, penínsulas ou estar situados en zonas chairas. Os máis antigos datan da Idade do Bronce, aínda que alcanzaron o máximo desenvolvemento na Idade do Ferro e algúns deles perduraron ata a Idade Media.

Guerras cántabras: enfrontamentos bélicos entre os romanos e os pobos do norte peninsular (cántabros, ástures e galaicos) que supuxeron a finalización da conquista romana da península Ibérica. Tiveron lugar entre os anos 29 e 19 a.C. e estiveron dirixidas polo emperador Augusto. A batalla de Monte Medulio (ano 25 a.C.) puxo fin á resistencia dos galaicos.

Bárbaros: denominación xenérica dada polos gregos e romanos aos pobos situados fóra do ámbito da súa civilización e que non falaban a súa lingua. Durante o Imperio romano o termo tomou un sentido pexorativo, empregándose para designar os pobos de costumes primitivas que ameazaban coas súas incursións as fronteiras do mundo romano. No 476 conseguiron tomar Roma e depoñer ao derradeiro emperador romano de Occidente.

Conventus: no Imperio romano, inicialmente eran asembleas conxuntas de romanos e indíxenas que evolucionaron ata converterse en unidades administrativas (recadación de impostos, recrutamento de tropas) e xurídicas (regularización de preitos, realización de contratos) dentro das provincias romanas. Unha cidade actuaba como capital do conventus e lle dá nome, pero o seu territorio non estaba definido xuridicamente, polo que os seus límites eran imprecisos. A actual Galiza correspóndese, basicamente, co conventus lucensis.

Aula Rexia: organismo político que asesoraba ao monarca nos asuntos políticos, militares, lexislativos e xudiciais do reino visigodo de Toledo. Nos seus comezos estaba formada por cortesáns e servidores do rei, pero desde o século VI asistían tamén as principais personalidades do reino, nobres e bispos. Tendo en conta que a monarquía era electiva, a función deste organismo era fundamental porque tamén intervía na designación dos monarcas.

Tema 2

Mozárabe: cristián sometido aos musulmáns en al-Ándalus. A cambio de conservar a súa fe e os seus costumes tiñan que pagar elevados impostos, polo que moitos foron desprazándose cara ao norte, aos territorios controlados polos reis cristiáns, ou foron converténdose ao Islam.

Marca hispánica: territorio controlado nos séculos VIII e IX polos emperadores e reis dos francos (Carlomagno, Luís o Piadoso, Carlos o Calvo) ao sur dos Pirineos, formando a fronteira entre o Imperio carolinxio e al-Ándalus. Comprendía inicialmente os condados de Pamplona, Aragón, Sobrarbe, Ribagorza, Pallars, Urxel, Cerdaña, Besalú, Ampurias, Vic, Girona e Barcelona. Estivo gobernada por condes designados polos monarcas francos, pero ao longo do século IX foron tendo unha crecente autonomía ata crear condados e reinos independentes.

Taifas: reinos que xurdiron da desmembración do califato de Córdoba en 1031. Estaban dominados polas oligarquías locais ou polos xefes militares das principais cidades de al-Ándalus. Enfrontados entre si, as fronteiras flutuaban e o seu poder foi cada vez máis débil, sendo incapaces de facer unha fronte común ante os ataques cristiáns. O derradeiro reino taifa foi o de Granada, conquistado en 1492 polos Reis Católicos, dando así fin á Reconquista.

Manso: unidade de explotación familiar (casa e terras de cultivo) que o señor feudal cedía en usufruto a un colono libre ou a un servo a cambio de certas prestacións e censos. Xunto coa reserva señorial constituían os elementos básicos de explotación dos feudos na Alta Idade Media.

Presura: forma inicial de repoboación organizada polos cristiáns a partir de finais do século VIII para ocupar as terras ermas, pouco poboadas ou que se iban reconquistando aos musulmáns. Os reis autorizaban a establecerse nun determinado territorio, que pasaba a ser propiedade de quen o ocupase e explotase. Houbo dúas modalidades: a oficial, desenvolvida polo rei ou polos seus delegados, e a privada, efectuada por nobres, eclesiásticos ou familias de campesiños libres.

Carta de poboamento: documento polo que os monarcas e os señores laicos e eclesiásticos concedían na época medieval privilexios forais a quen se establecese en determinados lugares ou cidades coa finalidade de atraer poboación e repoboar os territorios que estaban despoboados ou que se iban reconquistando aos musulmáns. En Galiza, os monarcas Fernando II e Afonso IX foron os que máis potenciaron a fundación ou repoboación de núcleos urbanos, concedendo numerosos privilexios aos seus habitantes.

Mesta: organización dos gandeiros do reino de Castela fundada en 1273 polo rei Afonso X. Estaba rexida polo Consello da Mesta, que chegou a ser unha poderosa institución ao servizo dos grandes gandeiros e da propia Coroa, que se beneficiaba das taxas pagadas pola exportación da la. Os privilexios dos gandeiros orixinaron numerosos conflitos cos agricultores ata que a Mesta foi abolida en 1836.

Tema 3

Converso: persoa que acepta unha crenza relixiosa ou ideoloxía diferente á que profesaba. Na España dos séculos XVI e XVII aplicábase especialmente aos musulmáns e xudeus que se convertían ao cristianismo, ben por convicción, ben por evitar persecucións. O aumento do número de conversos agravou o odio popular contra estes novos cristiáns, acusados de manter en segredo a súa fe (xudaizantes e mouriscos). Moitos deles foron vítimas do Tribunal da Inquisición.

Mourisco: musulmán obrigado a converterse ao cristianismo por orde dos monarcas en diferentes momentos: 1502 en Castela, 1518 en Aragón e 1526 en Valencia. A conversión forzosa significou o fin oficial da poboación musulmá en España, pero moitos deles continuaron mantendo a súa lingua, vestimentas e costumes, especialmente os que vivían no territorio do reconquistado reino de Granada; esta situación levou a que fosen expulsados de Granada en 1570 e de Aragón e Valencia en 1609.

Xuntas do Reino de Galiza: institución creada no século XVI que actuaba como portavoz das sete provincias de Galiza e, desde 1528, como representación do Reino de Galiza. Estaban formadas polos delegados dos concellos das cidades capitais das provincias e actuaban como un organismo intermediario entre o Reino de Galiza e a Coroa de España. Non tiñan funcións de goberno, pero podían conceder diñeiro ao monarca, ordenar levas militares, distribuír cargas fiscais ou enviar informes e peticións ao rei. As Xuntas eran convocadas polo monarca, normalmente cando necesitaba aumentar impostos ou facer levas de soldados, e estaban presididas polo Capitán Xeral de Galiza.

Tercios: unidade militar de infantería, de ataque e defensa, formada por soldados profesionais, voluntarios ou de recrutamento, creada e sostida polos Habsburgo españois durante os séculos XVI e XVII. Loitaban combinando as armas brancas e as de fogo. Estaban distribuídos polos distintos reinos e provincias da Monarquía Hispánica, destacando, polo seu número e fama, os Tercios de Flandres.

Grande Armada: gran flota formada por Felipe II en 1588 para desembarcar en Inglaterra e destronar á raíña protestante Isabel I. A Grande Armada partiu do porto de Lisboa e, tras recalar na Coruña, arribou ao Canal da Mancha, onde debía encontrarse e embarcar aos Tercios de Flandres para despois invadir Inglaterra. Os ataques ingleses e os temporais obrigaron ás naves a dar a volta rodeando as illas Británicas. Nesa traxectoria moitos dos barcos naufragaron. Dos 130 navíos que partiron regresaron 66, e dos 25.000 homes unicamente uns 10.000 puideron salvarse. Tras a derrota, os ingleses descualificárona como a «armada invencible».

Valido: secretario real ao que o soberano outorgaba a súa confianza e a dirección do goberno do reino. En España, como noutros reinos europeos, a privanza xeneralizouse no século XVII, cando os monarcas abandonaron o exercicio directo do goberno. Entre os validos destacaron os duques de Lerma e de Uceda no reinado de Felipe III, o conde-duque de Olivares e Luis de Haro no de Felipe IV, e Fernando de Valenzuela e o conde de Oropesa no de Carlos II.

Unión de Armas: proxecto político elaborado en 1625 polo valido de Felipe IV, o conde-duque de Olivares, no que se propoñía o reparto da carga militar e fiscal entre todos os reinos da Monarquía Hispánica, que ata entón recaía unicamente sobre Castela. O novo exército permanente estaría formado por 140.000 soldados achegados por cada un dos reinos en función da súa poboación e riqueza. O proxecto suscitou unha forte oposición e fracasou pola rebelión de Cataluña e Portugal.

Tema 4

Antigo Réxime: período que se iniciou en Europa no século XVI e que alcanzou a súa plenitude no século XVIII. Caracterizouse por unha economía de base agraria, a permanencia das estruturas feudais, a sociedade estamental e a monarquía absoluta. Estes trazos foron desaparecendo como consecuencia dos cambios introducidos pola Revolución Francesa.

Paz de Utrecht: tratado asinado en 1713 entre as potencias europeas que puxo fin á Guerra de Sucesión española e que foi complementado co de Rastatt de 1714. Co obxectivo de manter o equilibrio europeo, nos tratados recoñecíase a Felipe V de Borbón como rei de España a cambio de concesións a Gran Bretaña (Xibraltar, Menorca e privilexios comerciais con América) e cesións territoriais a Austria (Flandres e Nápoles).

Decretos de Nueva Planta: conxunto de decretos promulgados por Felipe V, entre 1707 e 1716, que impoñían, nos territorios da Coroa de Aragón (Aragón, Valencia, Mallorca e Cataluña), a organización político-administrativa de Castela, eliminando os seus privilexios forais, debido á súa rebelión na Guerra de Sucesión e por tomar partido por Carlos de Austria. Permitiron a implantación dun modelo de Estado centralista e uniforme en España, agás nas provincias vascas e Navarra.

Catastro de Ensenada: minucioso interrogatorio ou enquisa para coñecer as características demográficas, económicas e xeográficas das poboacións da Coroa de Castela, co obxectivo de establecer un sistema fiscal máis racional e substituír a multiplicidade de rendas por unha única contribución. Foi proposto polo marqués de Ensenada, ministro de Fernando VI, e foi elaborado entre 1750 e 1753.

Regalismo borbónico: política de control e limitación do poder da Igrexa católica levada a cabo polos Borbóns en España no século XVIII no marco da potenciación do absolutismo real. Entre outras medidas impuxeron o padroado real, ou dereito do rei de presentar ou nomear candidatos para ocupar sedes eclesiásticas vacantes (recoñecido polo Concordato de 1753), e o placet, ou dereito do rei de retención das bulas e provisións da Santa Sede.

Despotismo Ilustrado: sistema político da segunda metade do século XVIII que defendía o incremento do poder absoluto do rei para que, axudado das luces da razón, impulsase as reformas necesarias para incrementar a riqueza do reino e a felicidade e benestar dos seus súbditos. O seu lema foi «todo para o pobo, pero sen o pobo», e o mellor representante en España foi Carlos III.

Motín de Esquilache: revolta popular acontecida en 1766 en Madrid, provocada polo decreto de Esquilache, ministro de Carlos III, que prohibía o uso de capas longas e sombreiros de aba ancha. A súa orixe está no descontento social pola carestía do pan, a oposición dos privilexiados ás reformas do rei e a xenofobia ante a abundancia de ministros italianos.

Tema 5

Abdicación de Baiona: renuncias sucesivas, acontecidas na cidade francesa de Baiona en 1808, de Carlos IV e do seu fillo Fernando VII ao trono de España en favor de Napoleón Bonaparte, quen pouco despois cedeu eses dereitos ao seu irmán, que reinou co nome de José I Bonaparte.

Afrancesados: reducido grupo de españois que apoiou a José I Bonaparte nas tarefas de goberno. Consideraban que o reformismo autoritario francés era o único medio para lograr a renovación e o cambio en España. Ao finalizar a Guerra de Independencia foron perseguidos e moitos se exiliaron a Francia.

Tratado de Valençay: acordo de paz asinado en 1813 nesa cidade francesa polo que Napoleón aceptaba a suspensión das hostilidades, o retorno de Fernando VII ao trono de España, a devolución dos territorios ocupados e a renuncia de José I. Tanto as tropas francesas como as británicas debían abandonar España, finalizando así a Guerra de Independencia.

Manifesto dos Persas: documento que presentaron en 1814 deputados absolutistas a Fernando VII tras o seu retorno do exilio en Francia, solicitándolle a abolición dos decretos promulgados polas Cortes de Cádiz e a Constitución de 1812, así como a restauración do Antigo Réxime. O monarca atendeu as peticións restablecendo o absolutismo.

Pragmática Sanción de 1830: disposición promulgada por Fernando VII que anulaba a coñecida como Lei Sálica, aprobada por Felipe V, que impedía acceder ao trono ás mulleres. Esta medida supuxo a exclusión do irmán do rei, o infante Carlos de Borbón, do trono de España, e converteu a filla de Fernando VII, a futura Isabel II, en herdeira.

Pronunciamento: levantamento de parte do exército, contando co apoio dun determinado sector da sociedade, que «se pronuncia» a favor do cambio do sistema político vixente. Foron frecuentes os que defendían o liberalismo fronte ao absolutismo de Fernando VII e os que defendían o liberalismo progresista fronte ao conservador no reinado de Isabel II.

Sufraxio censitario e universal: o sufraxio é o dereito político que permite elixir, mediante o voto, aos cargos públicos electos. O censitario limita este dereito aos cidadáns incluídos no censo en función dun determinado nivel económico e social, mentres que o universal só establece como condición para votar a maioría de idade. En España, o censitario foi defendido polos liberais e o universal polos demócratas. A Constitución republicana de 1931 estableceu o dereito de voto das mulleres.

Tema 6

Estatuto Real: nome que recibe o Decreto de 1834 polo que a raíña rexente María Cristina de Borbón convocaba as Cortes do reino de España. Polo seu contido, considérase unha «carta outorgada», xa que a Coroa renunciaba a manter en exclusiva o poder, admitindo unha ampliación da participación política en beneficio das clases posuidoras, pero conservaba en exclusiva a soberanía e non recollía a separación de poderes nin os dereitos dos cidadáns.

Unión Liberal: partido político fundado en 1858 polo xeneral O'Donnell, que agrupaba á esquerda moderada, á dereita progresista e numerosos militares. Partidarios da monarquía constitucional de Isabel II, gobernaron de 1858 a 1863 e de 1865 a 1866, destacando as campañas de prestixio militar que desenvolveron no exterior.

Cantonalismo: modelo de organización territorial que defende a creación dun Estado composto por unidades políticas territoriais soberanas —os cantóns— que, mediante acordos libres («de abaixo arriba»), se unen formando a federación española. En 1873, durante a Primeira República, os seus partidarios protagonizaron insurreccións cantonalistas, destacando a de Cartaxena, que foron sufocadas polo exército.

Manifesto de Sandhurst: documento elaborado por Cánovas del Castillo e asinado, en decembro de 1874, por Alfonso de Borbón, fillo e herdeiro de Isabel II, na academia militar inglesa de Sandhurst, onde estudaba. Neste manifesto indicaba a necesidade de restaurar a monarquía borbónica en España, presentándose como un rei respectuoso co sistema liberal constitucional e defensor da orde social e da relixión católica.

Sufraxio censitario e universal: o sufraxio é o dereito político que permite elixir, mediante o voto, aos cargos públicos electos. O censitario limita este dereito aos cidadáns incluídos no censo en función dun determinado nivel económico e social, mentres que o universal só establece como condición para votar a maioría de idade. En España, o censitario foi defendido polos liberais e o universal polos demócratas. A Constitución republicana de 1931 estableceu o dereito de voto das mulleres.

Tema 7

Manifesto de Sandhurst: documento elaborado por Cánovas del Castillo e asinado, en decembro de 1874, por Alfonso de Borbón, fillo e herdeiro de Isabel II, na academia militar inglesa de Sandhurst, onde estudaba. Neste manifesto indicaba a necesidade de restaurar a monarquía borbónica en España, presentándose como un rei respectuoso co sistema liberal constitucional e defensor da orde social e da relixión católica.

Sistema de quendas: mecanismo de alternancia no poder vixente durante a Restauración borbónica. Baseábase no mutuo acordo entre os dous partidos monárquicos, o Conservador e o Liberal, aceptando a sucesiva quenda no Goberno. Designado polo rei, o presidente do partido que lle tocaba gobernar convocaba eleccións que sempre gañaba, co beneplácito do partido que lle tocaba estar na oposición, empregando a fraude electoral e o caciquismo.

Caciquismo: práctica política que en España controlaba as eleccións grazas á figura do cacique, persoa que dominaba o poder local e controlaba os votos do seu territorio valéndose do seu poder económico, status social ou influencias. O caciquismo fixo posible a fraude electoral masiva existente no sistema da Restauración borbónica.

Encasillado ou encadramento: proceso polo que o ministro da Gobernación elaboraba a lista de candidatos que debían ser escollidos en cada distrito electoral, colocando nas cuadrículas correspondentes os nomes dos candidatos ministeriais e da oposición. A lista era pactada polos dous partidos liberais monárquicos, e esta práctica garantía a quenda pacífica dos gobernos da Restauración borbónica.

Pucheirazo: un dos métodos de manipulación electoral empregado durante a Restauración borbónica para permitir o triunfo dun determinado candidato. Consistía na substitución no pucheiro (urna electoral) dos votos xa emitidos por outros favorables ao candidato que se desexaba que saíse elixido, ou na modificación da acta do reconto dos votos.

Rexeneracionismo: corrente intelectual, política e literaria de finais do século XIX e principios do XX que partía da análise dos problemas que padecía España para tratar de rexeneralla e modernizala. Xurdiu a partir do Desastre de 1898, e o seu principal representante foi Joaquín Costa, que propugnaba acabar co caciquismo, reducir a pobreza e fomentar a educación.

Tema 8

Ludismo: movemento de protesta dos traballadores, nos inicios da Revolución Industrial, caracterizado pola destrución de máquinas e fábricas ás que culpaban de deixalos sen traballo. Recibe este nome por Ned Ludd, un obreiro británico ao que se lle atribúe a primeira destrución de teares mecánicos en 1779. En España unha das primeiras accións ludistas foi a queima da fábrica Bonaplata en Barcelona en 1835.

Desamortización: proceso legal que, previa expropiación, puxo en venda, en poxa pública, os bens pertencentes á Igrexa («mans mortas») e aos concellos (baldíos, «comúns» e «propios»). Foi realizada durante os gobernos progresistas de Mendizábal (1836, desamortización de bens do clero regular), Espartero (1841, desamortización de bens do clero secular) e Madoz (1855, desamortización xeral). Entre os obxectivos estaban: reformar a estrutura da propiedade da terra, obter recursos para a Facenda e ampliar o apoio á causa liberal.

Agrarismo: movemento reivindicativo que organizou ao campesiñado galego en asociacións e sindicatos agrarios para lograr a redención dos foros, loitar contra o caciquismo e propulsar a renovación técnica. Destacaron as organizacións Solidariedade Galega (1907-1912) e Acción Galega (1910-1915), xunto co máximo líder desta, Basilio Álvarez.

Tema 9

Semana Trágica: semana de violentas protestas populares que tiveron lugar en Barcelona en xullo de 1909 contra a orde de Maura de enviar tropas de reserva á guerra de Marrocos tras a derrota do Barranco do Lobo. A maioría dos soldados eran pais de familias obreiras, polo que o seu embarque provocou unha folga xeral que deu paso á insurrección e á queima de numerosos edificios relixiosos, sendo duramente reprimida polo Goberno de Maura, que caería pouco despois.

Desastre de Annual: derrota do exército español en xullo de 1921 fronte ás cabilas rifeñas dirixidas por Abd el-Krim na guerra de Marrocos. Morreron miles de soldados españois e os rifeños fixéronse co control da zona, proclamando a independencia da República do Rif. O desastre agudizou a crise da Restauración borbónica e o desprestixio do exército e de Alfonso XIII, a quen se lle atribuíu parte da derrota.

Expediente Picasso: informe redactado en 1922 polo xeneral Picasso, baseado na investigación realizada sobre o comportamento de oficiais e soldados na derrota de Annual para determinar as súas responsabilidades. O informe revelaba a neglixencia dos militares, a temeraria actuación do xefe das tropas, o xeneral Silvestre, e a implicación de Alfonso XIII no desastre militar.

Directorio Militar: primeiro goberno da ditadura de Primo de Rivera, formado, tras o golpe de Estado de 1923, unicamente por militares, e que durou ata 1925. A Constitución de 1876 e os partidos políticos quedaron suspendidos, os dereitos e liberdades foron restrinxidos e as publicacións e a prensa sometidas a censura. O seu maior éxito foi a finalización da guerra de Marrocos tras o desembarco de Alhucemas de 1925.

Unión Patriótica: organización cívico-política fundada en 1924 polo ditador Primo de Rivera. Pretendía agrupar a toda a sociedade como substituta dos partidos políticos tradicionais e servir de apoio social e de propaganda do réxime ditatorial, pero só participaron nela os grupos conservadores e católicos, desaparecendo coa propia ditadura en 1931.

FAI: siglas da Federación Anarquista Ibérica, fundada en 1927, fusionando a Unión Anarquista Portuguesa e a Federación Nacional de Grupos Anarquistas de España. Estaba organizada en pequenos grupos revolucionarios radicais de activistas anarquistas. Desempeñou un importante papel no movemento obreiro, sobre todo a través da súa presenza no sindicato anarcosindicalista da CNT, durante a II República e a Guerra Civil.

Pacto de San Sebastián: acordo verbal ao que chegaron, en agosto de 1930 en San Sebastián, diversas personalidades representativas de partidos republicanos de diferentes tendencias, catalanistas e socialistas, polo que se comprometían a establecer a república democrática e a recoñecer a autonomía de Cataluña, Galiza e provincias vascas. Ademais, formaron un comité revolucionario para coordinar unha sublevación co fin de derrocar a monarquía de Alfonso XIII.

Tema 10

Sanjurjada: intento fracasado de golpe de Estado encabezado polo xeneral Sanjurjo o 10 de agosto de 1932 en Sevilla contra a Segunda República, co apoio dalgúns militares, monárquicos e latifundistas andaluces. Controlado polo Goberno, os seus participantes foron detidos e condenados. Como reacción, republicanos e socialistas aproximaron as súas posicións, o que permitiu a aprobación do Estatuto de Autonomía de Cataluña e a Lei de Reforma Agraria. O xeneral Sanjurjo foi detido e encarcerado, conmutándoselle a pena de morte; exiliouse en Portugal, onde seguiu conspirando.

CEDA: siglas da Confederación Española de Dereitas Autónomas, unha coalición de partidos conservadores e católicos fundada en 1933 por Gil Robles. Definíase como contrarrevolucionaria e antimarxista, defensora da relixión, a familia e a propiedade, e esixía a revisión da Constitución de 1931 para adecuala aos principios cristiáns. Formou parte do Goberno da Segunda República, en coalición co Partido Radical de Lerroux, entre 1934 e 1935.

Bienio negro: segundo período da Segunda República comprendido entre novembro de 1933 e febreiro de 1936. Foi cualificado así (e tamén como rectificador e contrarreformista) polas esquerdas, debido ás medidas revisionistas e conservadoras tomadas polos gobernos de dereitas radical-cedistas, que paralizaron moitas das leis reformistas do primeiro bienio republicano e exerceron unha dura represión sobre os participantes na revolución de outubro de 1934.

Fronte Popular: coalición electoral creada en xaneiro de 1936 polos principais partidos obreiros e republicanos de esquerdas. Tras vencer nas eleccións de febreiro de 1936, serviu de apoio á política reformista desenvolvida polos gobernos formados por republicanos de esquerda encabezados por Azaña, presidente, e o coruñés Casares Quiroga, xefe de Goberno.

Lexión Cóndor: denominación da forza de intervención alemá, fundamentalmente aérea, coa que o III Reich de Hitler apoiou ao bando sublevado franquista durante a Guerra Civil española. Foi clave e responsable de numerosos ataques a posicións republicanas e sobre a poboación civil, destacando os bombardeos de Madrid, Guernica e Barcelona. Co tempo demostrouse como unha das pezas elementais na vitoria de Franco.

Brigadas Internacionais: unidades militares de voluntarios estranxeiros (35.000 homes e mulleres) que participaron na Guerra Civil española apoiando á Segunda República. Estaban formadas por brigadistas procedentes de máis de 53 países de Europa e América, que procedían de organizacións políticas ou sociais de esquerda. Foron repatriados en outubro de 1938 pola presión internacional do Comité de Londres.

Tema 11

FET e das JONS: siglas de Falanxe Española Tradicionalista e das Xuntas de Ofensiva Nacional Sindicalista, a organización política creada por Franco en 1937 mediante o Decreto de Unificación, que fusionaba o movemento tradicionalista carlista coas formacións fascistas de Falanxe Española e das JONS. Foi a única formación política autorizada durante o franquismo, coñecida como Movemento Nacional. Foi disolta en 1977 por Adolfo Suárez.

Sección Feminina: organización fundada en 1934 como rama feminina de Falanxe Española. Foi dirixida por Pilar Primo de Rivera, irmá de José Antonio, e durante o franquismo monopolizou a educación das mulleres para ser boas patriotas, boas cristiás e boas esposas, subordinadas aos varóns e destinadas a ter fillos e educalos segundo as normas establecidas polo réxime. Para o seu adoutrinamento creouse en 1937 o Servizo Social, émulo fascista do servizo militar masculino, que impoñía a prestación obrigatoria de traballos sociais para todas as mulleres durante seis meses.

Nacionalcatolicismo: ideoloxía que defende que a vida política, social e cultural debe estar sometida ás directrices da Igrexa católica. Foi unha das bases ideolóxicas do réxime franquista, que contou co apoio e a aprobación da Igrexa católica. A xerarquía eclesiástica xustificou e aceptou a autoridade de Franco como Caudillo de España pola gracia de Deus, e a cambio impuxo o seu control sobre a moral, os costumes e a educación.

Sindicato vertical: nome da Organización Sindical Española durante o franquismo. Foi creado tras a promulgación da Lei de Unidade Sindical de 1940, que ilegalizaba todos os sindicatos de clase existentes e integraba de forma forzosa a todos os traballadores e empresarios (relación vertical) nun mesmo e único sindicato baixo a supervisión do Ministerio de Traballo, para evitar a loita de clases.

Plan de Estabilización: conxunto de medidas e reformas económicas aprobadas en 1959, propostas por ministros tecnócratas, que tiñan como obxectivo abandonar o modelo autárquico e intervencionista e liberalizar a economía española, conectando así co capitalismo occidental. Sentou as bases para iniciar o forte crecemento «desarrollista» da década dos anos 60.

Contubernio de Múnic: nome pexorativo co que o réxime franquista tratou de ridiculizar o Congreso do Movemento Europeo celebrado en Múnic en 1962. Foi impulsado polo coruñés Salvador de Madariaga, debido á súa relación cos dirixentes do Movemento Europeo. Asistiron 118 opositores ao franquismo, tanto do interior de España como do exilio, unidos por un obxectivo común: instaurar en España un sistema político democrático.

Tema 12

Platajunta: nome popular de Coordinación Democrática, organismo unitario de oposición creado en marzo de 1976 por partidos e organizacións antifranquistas para restablecer a democracia en España. Naceu da fusión da Xunta Democrática, creada en 1974 polo PCE con Santiago Carrillo á fronte, e da Plataforma de Converxencia Democrática, establecida en 1975 e impulsada polo PSOE de Felipe González. Desapareceu en outubro de 1976.

Lei para a Reforma Política: lei aprobada polas Cortes franquistas e, tras a súa aceptación en referendo, promulgada en 1977 con rango de Lei Fundamental. Foi o instrumento legal que permitiu o paso da ditadura franquista a un sistema constitucional democrático desde a legalidade vixente («da lei á lei»), mantendo a paz social. Establecía que a democracia era a expresión da soberanía popular, que as Cortes serían elixidas por sufraxio universal e regulaba a futura convocatoria das primeiras eleccións xerais desde febreiro de 1936. O seu mentor foi Torcuato Fernández Miranda.

UCD: siglas de Unión de Centro Democrático, a coalición de 15 partidos fundada e liderada por Adolfo Suárez en 1977, que aglutinaba ás forzas de centro-dereita. Tivo un papel destacado durante a Transición democrática, gañando as eleccións a Cortes constituíntes de 1977 e as xerais de 1979. Mantívose no Goberno ata 1982, primeiro con Adolfo Suárez e despois, tras a súa dimisión, con Leopoldo Calvo Sotelo. Disolveuse tras a derrota electoral de 1982.

Pactos da Moncloa: acordos aos que chegaron sindicatos, partidos e organizacións empresariais en outubro de 1977 no Palacio da Moncloa, residencia do presidente do Goberno, Adolfo Suárez. Os asinantes comprometíanse a traballar a favor da estabilidade do país mediante a consolidación da democracia, a redución da conflitividade social e a adopción de medidas económicas dirixidas a reducir a inflación e sanear a economía para superar a crise que se viña arrastrando desde 1973. Crearon o IRPF e recoñeceron o dereito de asociación.

Deskargatu

PDF Word HTML