Nova Narrativa Galega: Modernización da Prosa Galega nos Anos 50

Gaztelania3,48 KB

Nova Narrativa Galega: a modernización da prosa galega

Na primeira metade da década dos 50, un grupo de escritores iniciou un proceso de modernización da prosa de ficción en galego, renovando tanto a súa temática como a súa forma e incorporando tendencias que se viñan manifestando desde comezos do século XX na literatura universal. O obxectivo de actualizar a prosa galega foi asumido por un conxunto de autores, a maioría deles universitarios, cuxa obra se enmarcou na Nova Narrativa Galega.

Trazos comúns dos autores

Malia non se tratar dun colectivo homoxéneo, presentan algunhas características e actitudes comúns:

  • Compromiso político e oposición ao réxime franquista.
  • Afinidade ideolóxica co pensamento político nacionalista de esquerdas.
  • Participación en proxectos culturais colectivos, como Luzes de Galicia, A Noite ou as Festas Minervais.
  • Publicación case todos eles na colección Illa Nova, da editorial Galaxia.

O termo Nova Narrativa Galega é debedor do francés nouveau roman, que designa o movemento renovador da narrativa seguido por algúns escritores franceses.

Características da renovación formal e temática

Entre os trazos comúns aos autores galegos que apostaron pola modernización da prosa cómpre salientar:

  • Rexeitamento da trama argumental.
  • Desintegración do suxeito e multiplicación das voces narrativas.
  • Práctica do monólogo interior, técnica que permite a representación do fluír da conciencia.
  • Ruptura das coordenadas temporais convencionais.
  • Ambientación urbana e incorporación da sexualidade, a violencia e o absurdo.
  • Iconoclastia formal.

Obra fundacional e principais autores

A obra fundacional da Nova Narrativa Galega é Nasce un árbore (1954), de Gonzalo Rodríguez Mourullo, quen publicou ademais, antes de abandonar a creación literaria, Memorias de Tains (1956).

Outros narradores encadrables dentro desta corrente renovadora foron:

  • Xosé Luís Méndez Ferrín, autor de Percival e outras historias (1958), O crepúsculo e as formigas (1961), Arrabaldo do norte (1964) ou Retorno a Tagen Ata (1971), coa que se inaugura a escritura dunha persoal aloxía política.
  • Camilo Gonsar, pseudónimo de Camilo González Suárez-Llanos, que escribiu o innovador libro de relatos Lonxe de nós e dentro (1961) e a novela Como calquera outro día (1962).
  • Carlos Casares, que publicou nestes anos o libro de relatos Vento ferido (1967) e as novelas Cambio en tres (1969) e Xoguetes para un tempo prohibido (1975).
  • Chana Torres, autora de Adiós, María (1971).
  • María Xosé Queizán, quen se estrea como narradora con A orella no buraco (1965).

Límites cronolóxicos

Aínda que non existe unanimidade entre a crítica á hora de delimitar os límites cronolóxicos finais da Nova Narrativa Galega, adoita sinalarse o ano 1970. Os narradores que se implicaron na renovación da literatura galega seguiron, na súa maioría, cultivando o xénero nas décadas sucesivas, aínda que atenuando, en xeral, o experimentalismo e introducindo algúns contidos de natureza social.

Deskargatu

PDF Word HTML