Alto Imperio Romano: Augusto, dinastías y crisis (27 a.C.-284 d.C.)

Gaztelania6,95 KB

O Alto Imperio

O Alto Imperio esténdese desde o comezo do principado de Octavio no 27 a.C. ata a chegada ao poder de Diocleciano (284 d.C.).

Augusto e a dinastía xulioclaudia

No ano 27 a.C. Octavio foi investido polo Senado cos títulos de augustus (traducíbel como «venerábel») e princeps. Augusto comezou o seu mandato cunha profunda alteración do equilibrio de poderes que mantivera a súa vixencia durante a República.

Ao mesmo tempo dedicou grandes esforzos a pacificar e diminuír os conflitos internos e tensións que se manifestaran nos últimos tempos, no que se chamou pax augusta. Para o príncipe, o fortalecemento do seu poder estaba necesariamente ligado á paz en Roma e, para ese mesmo fin, dotouse do imperium dos cónsules e da potestas do tribuno da plebe (que lle daba ao emperador dereito de veto sobre as decisións doutros maxistrados).

Creou tamén dous órganos administrativos que dependían directamente del e que servían para limitar o poder das institucións republicanas:

  • O Consello do príncipe: unha cámara paralela ao Senado que tiña, en tempos de Augusto, carácter consultivo, aínda que chegou a suplantar, co paso do tempo, o poder dos senadores.
  • O alto funcionariado: cargos paralelos ás maxistraturas, dotados de poder executivo.

Produciuse tamén nesta mesma época a creación da garda pretoriana, garda persoal do emperador; das cohortes urbanas, encargadas de vixiar a cidade; e a mellora das comunicacións para potenciar o comercio. En último lugar, o príncipe toma o control das provincias fronteirizas, menos romanizadas e máis inseguras, e deixa o seu goberno en mans de legados, nomeados e controlados directamente por el.

A reforma fiscal de Octavio

Octavio mellorou os ingresos do tesouro público coa introdución de novos impostos. Estableceu dereitos de aduana nas fronteiras do Imperio romano (dun 25%) e nas fronteiras entre provincias (dun 2%). Ademais, os cidadáns teñen que pagar unha taxa sobre a manumisión de escravos e outra sobre as herdanzas.

Propaganda, urbanismo e literatura

Augusto embelezou Roma con templos, basílicas e pórticos e utilizou os novos edificios como propaganda dunha nova era de paz e prosperidade. De igual modo, o emperador non desatendeu a utilidade propagandística da literatura do seu tempo e influíu, por medio do seu amigo e colaborador Mecenas, en algúns dos poetas máis importantes da época para que incluísen motivos da propaganda de Augusto nas súas composicións.

Reforma moral e familiar

Por último, o programa de reformas de Octavio tivo unha incidencia destacada na vida familiar romana e centrouse en desterrar costumes considerados decadentes e restaurar as tradicións morais do pobo romano. Algunhas medidas destacadas neste sentido foron: favorecer que os matrimonios tivesen máis de tres fillos, non deixar dispor libremente dos seus bens aos solteiros ou casados sen fillos e prohibir o matrimonio de senadores con libertas.

Sucesores de Augusto

A partir do sistema de goberno imperial, a historia de Roma comezou a identificarse en gran medida cos reinados de cada emperador. Tiberio conquistou a Xermania e, segundo parece, estivo a piques de ser derrocado por Seiano (membro da garda pretoriana). Calígula sucedeu a Tiberio e é coñecido pola súa crueldade e polas súas extravagancias, que distaban pouco da loucura. Á súa morte, o título de príncipe pasa a Claudio, que conquistou a Britania e continuou o programa de reformas de César e Octavio. Claudio morreu envelenado pola súa esposa Agripina para abrirlle o paso ao goberno ao seu fillo Nerón.

Ao principio, este último foi un emperador sabio e comedido, aconsellado polo filósofo Séneca, pero co paso do tempo acabou por mostrarse como un déspota cun excesivo desexo de grandeza e poder, de modo que os seus excesos acabaron por gañarlle o odio de todos, até levalo ao suicidio no 68 d.C. Con el acaba a dinastía xulioclaudia.

Dinastía flavia

Tras o ano de caos que seguiu á morte de Nerón, no que se sucederon os principados de Galba, Otón e Vitelio, ábrese paso a dinastía flavia, que reina do 69 ao 96 d.C. Foi iniciada por un militar chamado Vespasiano e continuárona Tito e Domiciano (fillos deste). Xa que logo, tras a morte de Nerón foi o exército quen nomeou os seguintes catro emperadores (Vespasiano inclusive). De aquí en adiante cobrará grande importancia como elemento de estabilidade política no Imperio. A dinastía flavia resucitou os costumes máis austeros do comezo do principado, ao tempo que intentou restaurar a autoridade do Senado.

Dinastía antonina

Comeza co reinado de Nerva o primeiro dos coñecidos como cinco emperadores bos (xunto con Traxano, Adriano, Antonino Pío e Marco Aurelio). Cada un destes emperadores elixiu os seus herdeiros segundo as súas aptitudes e integridade.

  • Traxano dirixiu unha campaña contra dacios, armenios e partos, o que levou á máxima extensión territorial do Imperio.
  • Adriano, príncipe notoriamente culto, foi tamén protagonista dun reinado de paz e prosperidade despois de ceder algúns dos territorios máis orientais do Imperio. Consolidou, a continuación, o resto do Imperio e reafirmou as súas fronteiras.
  • Antonino Pío caracterizouse tamén pola orde e a paz.
  • Marco Aurelio (tamén filósofo estoico e autor das Meditacións) foi axitado polas incursións de pobos xermánicos en diferentes zonas do Imperio.

A este sucedeuno o seu fillo Cómodo, tirano sanguinario que se consideraba reencarnación de Hércules e que acabou por ser asasinado polos pretorianos no ano 192 d.C., feito que dá fin á dinastía dos Antoninos.

Decadencia do Imperio

Do 192 ao 235 o emperador máis importante foi Caracalla (211-217), gobernante de vontade cambiante, que concedeu no 212 a cidadanía romana a todos os homes libres do Imperio. Sucedérono Heliogábalo e Severo.

O período posterior á morte de Severo e até a coroación de Diocleciano (235-284) foi unha época de grande confusión coñecida como Imperio militar ou Anarquía militar, na que moitos príncipes morreron a mans do mesmo exército que os entronizaba.

No ano 284 subiu ao trono Diocleciano, que conseguiu controlar a situación co establecemento dun sistema chamado dominado, semellante a unha monarquía absoluta de carácter oriental. A partir de Diocleciano, o emperador convértese na encarnación persoal da divindade e non no seu representante.

Deskargatu

PDF Word HTML